Na madrugada pasada cara as 00’50 horas, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola rúa Lamas de Prado, observa a presenza dun vehículo en circulación que presenta varias deficiencias, todas elas, constitutivas de infracción ao Regulamento Xeral de Vehículos, polo cal ordenan ao condutor que deteña a súa marcha. Os axentes, ao aproximarse ao turismo, comproban que desprende un forte cheiro a “hachis”, polo que proceden ao cacheo do condutor e os catro ocupantes, así como ao rexistro do automóbil, cos seguintes resultados:
A dous dos ocupantes intervéñenselles senllos envoltorios, contendo unha substancia pulverulenta, presuntamente “hachis”, que portaban entre as súas roupas, os cales se interveñen, levantando actas – denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia de substancias estupefacientes na vía pública, o que constitúe unha infracción grave á devandita norma, que pode ser castigada cunha sanción pecuniaria entre 601 e 30.000 €.
Na guanteira do vehículo, os axentes localizan e interveñen dous paquetes contendo unha substancia pulverulenta, similar ás anteriores, cun peso aproximado de 190 (cento noventa) gramos, manifestando o condutor que son unicamente da súa propiedade, polo que, debido á cantidade de substancia, procédese á súa detención e inícianse dilixencias por un presunto delito contra a saúde pública.
O condutor, que presenta signos externos de consumir algún tipo de substancia, é sometido á proba de detección de drogas por parte da Unidade de Atestados, lanzando resultado positivo en THC, motivo polo cal se confecciona denuncia administrativa por conducir tras inxerir drogas, o que supón unha sanción económica de 1000 € e a detracción de 6 puntos do permiso de conducir.
O vehículo foi retirado co guindastre para o depósito municipal.