Sobre as 6:30 horas do día 9 de maio, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, son comisionados pola Sala do 092 para que acudan a un inmoble da Ronda das Fontiñas xa que, segundo denuncian os veciños, hai ruídos e berros que proveñen dunha vivenda. Os axentes observan, fronte ao edificio, un home que porta nunha man un coitelo e na outra unha botella de cristal, o cal está a tentar agredir con ambos obxectos a outro home que tiña a súa camiseta envolta no brazo para defenderse da agresión. Os policías ordenan ao agresor que arroxe a arma e a botella, facendo caso omiso, polo que é inmediatamente desarmado coa utilización da defensa regulamentaria, sendo reducido e esposado.
O outro home que se achaba co torso espido manifestou aos axentes que ten problemas co agora detido, que hoxe estiveron de festa nunha vivenda dese edificio e que comezaron a discutir e pelexarse no piso e que a discusión continuou na rúa, onde o detido sacou un coitelo de 17 cm de folla que collera da vivenda e tentou cravarllo, á vez que o ameazaba de morte.
O detido, de 37 anos de idade, foi trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias por estes feitos, conducindo ao agredido, de 31 anos, que presentaba feridas que non revestían gravidade, a un centro médico para a súa atención facultativa, identificándose tamén a varias testemuñas destes feitos. A rápida e extraordinaria intervención dos axentes da Policía Local de Lugo que lograron desarmar ao home, con grave risco para a súa integridade física, evitou que se produciran lesións moi graves.