Detido un home por provocar un accidente, agredir aos axentes e triplicar a taxa de alcol

Os feitos tiveron lugar aobre as 22:00 horas do pasado día 7 de outubro cando o equipo de Atestados da Policía Local de Lugo se despraza á Avenida da Coruña, xa que á altura do inmoble nº 89 produciuse un accidente de circulación. Os axentes observan que o condutor dun dos vehículos implicados no accidente, presunto responsable do mesmo, atópase ameazando gravemente a unha muller, que resultou ser a condutora do outro turismo, proferindo frases como “Che vou a meter unhas navalladas, vou acoitelarte…” A devandita condutora manifesta aos policías que despois de producirse o accidente, descende do seu vehículo para comprobar os danos, momento no que o presunto responsable tenta abandonar o lugar, poñéndose diante do vehículo para impedir a súa fuga, ameazándoa de morte se non lle deixa irse do lugar do accidente.

Os axentes trasladan ao condutor ao interior do furgón de Atestados para proceder á súa plena identificación – resultando ser un veciño desta cidade, de 28 anos, con antecedentes policiais pola comisión de delitos – e practicar as probas de alcoholemia, xa que presenta signos de embriaguez, propinando patadas e lapotes no mobiliario do vehículo policial, poñéndose moi agresivo, insultando e ameazando gravemente aos axentes actuantes.

Que se lle practican as probas de detección alcohólica arroxando un resultado POSITIVO de 0,85 mg/l, triplicando a taxa máxima establecida, momento no que o condutor agride aos policías, sendo inmediatamente reducido e detido. Que os axentes o trasladan a un centro médico xa que se atopaba moi alterado e agresivo, sendo conducido posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen as oportunas dilixencias polos delitos de atentado a axentes da autoridade, desobediencia e resistencia grave e un delito contra a seguridade viaria, instruíndose ademais atentado polo accidente de circulación, no que o condutor, agora detido, chocou coa parte frontal do seu vehículo contra a traseira do vehículo da condutora, que se achaba parado ante a luz vermella dun semáforo.

Control medidas COVID-19

Efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo interviñeron, sobre as 21:30 horas, na Praza do Camiño Primitivo, identificando a unha persoa que tentaba acceder ao interior do recinto onde levaba a cabo un concerto programado dentro dos actos do San Froilán/20, sen dispoñer de entrada, golpeando o valo perimetral de protección e sen levar posta a máscara de protección.

Os axentes levantan acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia e tamén levantan acta denuncia por infracción á Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá por desobediencia aos axentes da autoridade xa que se negaba a colocar a máscara de protección.

Por esta última conduta foi proposto para sanción á Subdelegación do Goberno con multa de ata 30.000 euros.

Así mesmo foi denunciada outra persoa na rúa Milagrosa que transitaba por vía pública sen facer uso da máscara, propoñendo sanción por infracción á Lei de Saúde de Galicia.

Asemade, levantouse acta denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia ao detectar os axentes que no interior dun local de hostalería situado na rúa Xosé Castiñeira, os clientes consumían en barra, cando a normativa actual da Consellería de Sanidade prohíbeo, levantándose tamén acta por acharse o local aberto ás 1:30 horas, con clientes no interior, cando o horario de peche está establecido ás 1:00 horas.

Ruídos en interior de vivendas

Na noite do día 8 ao 9 de outubro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interviñeron en dous domicilios da cidade por molestias xeradas por ruídos.

A primeira intervención produciuse ás 23:25 horas cando son comisionados pola Sala do 092 para que acudan á rúa Vila Verde xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda que lles imposibilita o descanso. Os axentes comproban que se escoitan voces de persoas en ton moi alto, música e arrastre de mobiliario, identificando ao responsable, manifestando que estaban reunidos varios mozos, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A segunda prodúcese ás 2:00 horas na rúa Amor Meilán onde os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda, comprobando os axentes que se estaba levando a cabo unha festa na que participan 8 estudantes, tendo en funcionamento un equipo de música sendo identificado o responsable ao que se lle require o cesamento de inmediato na devandita conduta, o que se fai ao instante, desaloxándose a vivenda.

Fotografía: imaxe cedida pola Policía Local.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com