A Consellería de Política Social destina 571.400 euros a dez concellos da provincia de Lugo para o desenvolvemento de programas de inclusión social. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, sinalou que con este investimento a Xunta financia medidas que teñen por obxecto impulsar a igualdade de oportunidades e a inclusión social dos colectivos máis desfavorecidos.
Os concellos lucenses beneficiados son os de Burela (con 101.468 euros), Viveiro (131.708 euros), Quiroga (29.444 euros), A Pobra de Brollón (18.385 euros), Chantada (29.416 euros), Monforte de Lemos (25.332 euros), Pantón (38.922 euros), Guitiriz (7.521 euros), Vilalba (45.148 euros) e Lugo (144.095 euros).
Balseiro explicou que os servizos sociais municipais son a miúdo os que brindan o primeiro nivel de atención ás persoas usuarias e as dirixen cara ao resto dos recursos dispoñibles; de aí, apuntou, que as Administracións deban colaborar para “propoñer oportunidades de integración social e laboral, especialmente ás persoas que presentan risco de exclusión”.
O delegado destacou o compromiso da Xunta neste obxectivo, que se traduce en accións como esta convocatoria de axudas ás corporacións locais para o investimento en centros de inclusión e emerxencia social e a inclusión social da poboación xitana, inmigrante e outras persoas en risco de exclusión.
Entre as accións subvencionadas por esta liña de apoios da Consellería, figuran os servizos de apoio á inclusión, servizos de mediación para a poboación xitana e inmigrante, programa de erradicación do chabolismo, asesoramento en materia de estranxeiría e formación para o coñecemento dos valores da sociedade de acollida e linguas para a poboación inmigrante.