Un ano máis e van…, o Día da Patria Galega celebrárono as diferentes organizacións políticas ao seu xeito e cada quen na súa leira.
Case un século despois de que as Irmandades da Fala decidiran, no ano 1919, declarar o 25 de xullo como Día da Patria, a división entre as forzas políticas galegas segue a ser unha constante dende hai unha morea de anos. A cada nova organización que aparece no espectro político, hai que buscarlle tamén, un novo espazo onde celebralo. Polo que de seguir así, chegará o día en que Compostela non poida dar acubillo a tanta celebración. Isto podería ter o seu aquel, se non fora por que tras desa perenne división, albíscase unha mensaxe inquietante: a falta de altura de miras das organizacións políticas do país. En aras de acabar con este lamentable espectáculo, non estaría de máis que a sociedade civil fora pensando en facer unha convocatoria unitaria para o vindeiro ano, onde só houbera unha pancarta co lema “25 de Xullo Día da Patria Galega”. Sen bandeiras, sen símbolos partidistas, sen lemas. So a xente da Nación Galega.