Membros da Corporación Municipal asistiron este venres á lectura dun manifesto con motivo do Día Internacional do Voluntariado, que se levou a cabo diante da Casa Consistorial. Tratouse dun acto enmarcado dentro do programa de Diversiarte organizado polo Concello en colaboración con 23 asociacións da cidade.
A lectura do manifesto correu a cargo de Paloma e María, representantes dos colectivos COGAMI e Ateibo, que en nome da rede de voluntariado de Lugo destacaron o valor da solidariedade que expresan milleiros de persoas diariamente de xeito desinteresado.
No documento, os colectivos insistiron en que neste 2015 contan cunha nova lei que costou “non pouco esforzo sacar adiante” e que permitirá implantar o valor da tarefa voluntaria e solidaria. Neste senso, o manifesto facía un chamamento ás administracións e institucións públicas para promover a solidariedade como valor para as relacións interpersoais.