Día Internacional e Europeo das Persoas con Discapacidade

Mañá tres de decembro e con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, dende COGAMI e o seu movemento asociativo formado por 60 entidades representativas da discapacidade física e orgánica en Galicia, queren destacar que, a pesar dos avances conseguidos, o colectivo segue a enfrontarse a multitude de barreiras que dificultan a “nosa inclusión na sociedade. Dende a educación ata o emprego, pasando polo acceso á saúde, o lecer e a cultura, a discriminación por razóns de discapacidade continúa sendo unha realidade. Esta situación resulta aínda máis grave para as mulleres e nenas con discapacidade, que viven unha discriminación interseccional que acentúa as desigualdades”.

En palabras do presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “a sociedade debe tomar conciencia de que moitas persoas con discapacidade e as súas familias viven a súa vida marcada polo incumprimento dos seus dereitos. O dereito a vivir de maneira autónoma e independente precisa dunha sociedade libre de barreiras físicas, mentais, sociais e psicolóxicas”.  Queiruga explica que nos últimos anos producíronse avances para o colectivo pero apunta que “aínda que se perciben melloras nalgúns aspectos, queda moito por facer para garantir a igualdade de oportunidades e a non discriminación en todos os ámbitos da vida”.

Demandas e propostas clave

Vivenda: dende COGAMI “adherímonos ás reivindicacións do Manifesto lanzado polo CERMI para este 3 de decembro, no que se recolle a vivenda como soporte vital da autonomía e independencia das persoas con discapacidade. Reclamamos o dereito a vivir nun domicilio libremente elixido, cos apoios que se precisen, pertencendo e participando na comunidade. E para que este dereito sexa efectivo, a vivenda debe ser accesible, alcanzable e inclusiva”.

Autonomía persoal: avanzar cara a un sistema de atención máis coordinado e con recursos suficientes, que promova a vida independente das persoas con discapacidade, evitando na medida do posible, a institucionalización. Fomentar os servizos de promoción da autonomía persoal, innovando e flexibilizando as súas tipoloxías, así como outras prestacións destinadas a facilitar a vida independente.

Saúde: actualizar a lexislación sobre o dereito á saúde das persoas con discapacidade, garantido a detección precoz, a atención integral e accesible en todo o territorio, especialmente nas áreas rurais. Desenvolver un Plan de Atención Sociosanitaria que promova a cooperación entre os servizos sociais e sanitarios, garantindo unha atención centrada na persoa.

Educación: desenvolver plans integrais de atención temperá e impulsar plans de educación inclusiva, garantido que todo o alumnado teña acceso a itinerarios educativos en igualdade de oportunidades. Impulsar programas de accesibilidade nos centros educativos, adaptando espazos e recursos ás necesidades do alumnado con discapacidade. Dispoñer de produtos e tecnoloxías de apoio e adaptación de postos escolares atendendo ás necesidades individuais de cada persoa.

Emprego: impulsar a nova Lei de Inclusión Laboral, establecendo políticas activas de emprego adaptadas ás necesidades das persoas con discapacidade. Modificar a lexislación do emprego público, incrementando a cota de reserva do 7% ao 10% nas administracións públicas. Fomentar os Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social e garantir recursos adecuados para que as persoas con discapacidade poidan acceder ao mercado laboral.

Accesibilidade: exixir o cumprimento da lexislación vixente en materia de accesibilidade para eliminar as barreiras físicas e sensoriais en todos os ámbitos da vida e para que todas as contornas, produtos, bens, servizos, procesos e procedementos sexan universalmente accesibles. Dende COGAMI pedimos que “se aprobe o decreto de accesibilidade en Galicia iniciado o seu proceso de validación en 2019 e actualmente aínda en fase de borrador, para que Galicia conte cunha norma actualizada, sendo a anterior do ano 2000. Outras medidas que urxen dentro da accesibilidade é a modificación da Lei de Propiedade Horizontal e crear un Fondo Estatal para a Accesibilidade Universal para aquelas persoas propietarias que non poidan asumir a súa porcentaxe de cota para as actuacións de mellora da accesibilidade. É inaceptable que máis de 100.000 persoas en España vivan presas nas súas vivendas.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com