Hoxe 29 de outubro Dia Mundial do Ictus (o tempo é cerebro), hai xa un ano que a Federación Provincial de Asociacións de Veciños de Lugo e a Plataforma en Defensa da Sanidade e especialidades do Hula reclamaba a creación dunha unidade de Ictus no Hula, de acordo co Plan de Asistencia ao Ictus en Galicia, sen que ata a data o Sergas tomase ningunha medida neste tema, salvo o dotar ao Hula dun Neurólogo de garda 24 horas (non sempre presenciais). O cal nos obriga hoxe a reactivar unha vez máis a presión cidadá, dado que: O ictus é unha enfermidade cerebrovascular que ten un gran impacto sanitario e social debido a unha elevada incidencia e prevalencia.
É a primeira causa de morte e discapacidade en adultos maiores de 60 anos. Tamén a primeira causa de discapacidade adquirida no adulto e a segunda de demencia despois da enfermidade de Alzheimer.
O tratamento precoz (antes de 4 horas desde os primeiros síntomas), é vital para reducir a mortalidade e as secuelas, onde 2 de cada 3 persoas que sobreviven a un ictus presentan algún tipo de secuela, en moitos casos discapacitantes, o que incrementa notablemente a necesidade de recibir asistencia ou coidados.
Na situación actual, 1 de cada 6 galegos sufrirá un ictus. Supón unha gran carga desde o punto de vista sanitario, familiar e social polo seu impacto na vida das persoas. Cada ano xéranse máis de 5.000 novos casos de ictus en Galicia, máis de 800 na provincia de Lugo, coa súa consecuente carga social (expresada en discapacidade e dificultades na vida diaria) e económica (consumo de recursos sanitarios e perdas de produtividade laboral por discapacidade e mortalidade).
Sete de cada dez persoas que padeceron un ictus en Galicia teñen 65 anos ou máis, co que a idade unida ao evento de ictus tradúcese en maiores dificultades para realizar as actividades básicas da vida diaria, así como nunha maior necesidade de coidado.
Situación actual en Lugo
Actualmente na unidade de Neuroloxía existe persoal de enfermería formado e 1 neurólogo de garda que se ocupan dos casos de Ictus. Existen recursos materiais: camas con monitor, eco Doppler, monitores, pero sen configurar unha verdadeira unidade de ictus. Non hai unha zona totalmente individualizada, compártese o persoal de enfermería, carécese de logopedas, terapia ocupacional e cognitiva, neuropsicólogo, de unidade de rehabilitación funcional e integral específica, dun quirófano biplano para un servizo integrado de neuroradiologo intervencionista e enfermeira intervencionista e auxiliar con dedicación exclusiva á unidade de Ictus que poidan levar a cabo unha trombectomía se é o requirido. por iso queremos marcar ao Sergas, unha estratexia para Lugo, baseada en: 1.- Conseguir o recoñecemento por parte do SERGAS da Unidade de Ictus no HULA. Isto supón o recoñecemento oficial para a administración de tratamentos específicos como a fibrinolisis. É dicir que se desenvolva na súa totalidade o Plan de asistencia ao ictus en Galicia publicado pola Consellería de Sanidade. 2.- Leven a cabo Campañas de concienciación á poboación para acudir aos servizos de urxencias: 061. PAC ou urxencias en caso de detectar os primeiros síntomas e dean a coñecer a través de campañas nos medios públicos (pantallas do HULA) etc. cales son os síntomas de alarma. 3.- Mellorar os recursos na fase de Rehabilitación: fisioterapeuta, logopeda, terapeuta ocupacional, enfermeir@ e neuropsicólog@. A rehabilitación é fundamental xa que o grao de discapacidade é elevado. É fundamental iniciar os programas de rehabilitación que necesite o paciente. Polo que se necesitan máis recursos. 4.- Mellorar os recursos socio- sanitarios con apoios á familia e/ou coidador da persoa dependente: axuda a domicilio, centros de día, axudas económicas para os recursos necesarios e coidados específicos. 5.- Adecuar a tecnoloxía hospitalaria en relación ao incremento do número de pacientes en Lugo. A medio prazo a implementación doutros profesionais e especialidades sanitarias. 6.- Establecer protocolos de acceso rápido e preferente ao Hospital e acceso a Tac e resonancias de urxencia. O propio Ministerio de Sanidade e o Sergas recoñecen que: o tempo é cerebro, xa que cada minuto morren mais de 2 millóns de células cerebrais. Que o tratamento precoz é vital para reducir a mortalidade e as secuelas. Que a maior recuperación é experimente nos 3 primeiros meses. Por iso, queremos que Lugo no mínimo tempo, dispoña dun servizo completo para o tratamento de ictus, e para o seguimento e tratamentos posteriores sen dilacións nas esperas.
Comisión Executiva da Plataforma en Defensa da Sanidade e especialidades do Hula