O quinteto de música de cámara Dianto Reed Quintet ofreceu hoxe unha charla concerto no Conservatorio de Música de Lugo, dependente da Xunta de Galicia, para compartir coa comunidade educativa do centro a súa experiencia profesional, pautas sobre o proceso creativo ou proxectos de futuro, entre outros aspectos. O acto contou coa asistencia do delegado territorial, Javier Arias.
O grupo está composto por cinco músicos españois de cañas, entre os que figuran -ao fagot- a lucense María Losada, que iniciou os seus estudos no Conservatorio lucense. Está acompañada por María González (oboe), Ovidi Martí (saxofón), Erik Steven Rojas (clarinete baixo) e María Luisa Olmos (clarinete).
Residen en Ámsterdam, onde coincidiron cursando un máster, teñen actuado en prestixiosas salas de toda Europa e recibiron xa numerosos premios, entre eles o recente premio nacional ‘Ensemble Emergente FestClásica 2024’.
A charla concerto forma parte do programa ‘Reencontros’, que promove o CMUS Xoán Montes para poñer en valor aos antigos alumnos e alumnas do centro que, na actualidade, fixeron da música a súa profesión.
Javier Arias puxo en valor o traballo do Conservatorio de Lugo, que pertence á Rede de Conservatorios de Música e Danza da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e que a día de hoxe ofrece dezanove especialidades instrumentais que abranguen todas as que conforman de maneira ordinaria o cadro instrumental de agrupacións como a banda ou a orquestra, ademais doutras como o acordeón, o canto, a gaita ou o piano, así como actividades complementarias e extraescolares.