Diego Gómez Miguélez resultou vencedor do premio Volante Deputacion, que se celebrou ao longo desta fin de semana no circuíto da Pastoriza co patrocinio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O mozo, de 28 anos e de Antas de Ulla,que se clasifica por primeira vez para unha final do Volante, foi o máis rápido na final que se celebrou este domingo, polo que recibe como premio a participación como piloto titular no Rally San Froilán 2024, a bordo dun Dacia Sandero, dentro da estrutura do equipo da escudaría PTC. Unha oportunidade para iniciarse na competición de forma totalmente gratuíta e nunha das probas de maior prestixio do calendario galego de asfalto.
Pablo López Blanco, Adrián Fernández Fernández e Jesús Manuel Neira Lira completaron o cadro da final, que puxo fin a duas xornadas de intensa actividade no circuíto municipal pastoricense, o único circuíto oficial destas características na provincia de Lugo
Na entrega de premios, o deputado de Mocidade Daniel García felicitou a gañador e finalistas “polo traballo realizado durante as dúas xornadas no circuíto” e valorou “o interese que ano tras ano desperta esta proba, que demostra a importancia que o coñecemento e a formación técnica teñen á hora de competir”
Preto de 160 pilotos participaron na proba organizada por “PTC Escuela”, que combina formación en condución deportiva e competición. Todos os participantes recibiron un curso de formación técnica e condución segura, para igualar e equilibrar os coñecementos.
Posteriormente, durante a xornada do sábado e na mañá do domingo, divididos en grupos e acompañados por persoal técnico da escudaría, realizaron probas cronometradas con vehículos proporcionados pola propia escudaría. Pola tarde, disputouse a semifinal -na que participaron os dezmáis rápidos nas roldas previas por grupos – e a final.
Preparación para a participación no Rally San Froilán
Diego Gómez Miguélez terá a oportunidade de seguir perfeccionando a súa destreza ao volante nos vindeiros meses, nos que recibirá formación específica para participar no rally San Froilán como piloto da escudería PTC. Este ano, como novidade, a súa participación na carreira lucense ligarase á nova Sandero Eco Cup Galicia, unha das copas de promoción do rally, o que engade un novo aliciente á estrea competitiva.
O Volante Deputación de Lugo, que se celebrou por primeira vez en 2012, deu a oportunidade de iniciarse na competición automobilística a máis dunha ducia de mozos lucenses. Diego Gómez Miguélez súmase a unha lista da que son parte Carlos López, Juan López, Jairo Castro, Francisco Dorado, Joshua Polo, Rubén Sánchez, José Miguel Rodríguez, Carlos Rodríguez, Jairo Fernández, Pablo Guerra, Ánxel Vizoso e Hugo Iglesias, gañadores de anteriores edicións da proba.