O Concello de Lugo pon en marcha unha nova iniciativa dentro do programa +XTi, co obxectivo de promover un lecer activo e saudable para a mocidade lucense. Durante os meses de marzo, abril e maio, diferentes prazas da cidade acollerán un programa lúdico-deportivo destinado á xuventude de entre 10 e 16 anos, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e inculcar hábitos de vida saudables.
A actividade desenvolverase en tres barrios da cidade ao longo de tres meses, os sábados pola mañá, en horario de 11:00 a 14:00 horas. As localizacións e datas son as seguintes: praza da Milagrosa (29 de marzo, 5 e 12 de abril); praza do Castiñeiro (26 de abril e 3 de maio); e praza Anxo Fernández Gómez (10, 17 e 24 de maio).
O programa inclúe diversas actividades como baloncesto, xogos de habilidade, xincanas deportivas, competicións, circuítos, música, agasallos para os participantes e animación. Ademais, as persoas asistentes terán a oportunidade de compartir momentos con xogadores do Club Baloncesto Breogán, referentes no deporte local.
A actividade estará dirixida por persoal especializado e monitores titulados, garantindo así un espazo seguro e dinámico onde a mocidade poida gozar do seu tempo de lecer de maneira saudable. A participación é totalmente gratuíta, e a inscrición realizarase cada día no propio espazo de celebración, seguindo unha orde de chegada ata completar as 40 prazas dispoñibles por xornada.
Na edición anterior, esta iniciativa contou coa participación de máis de 400 rapaces e rapazas, consolidándose como unha proposta de éxito e con gran demanda. A actividade enmárcase no proxecto +XTÍ 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas.