Unha xestora asumirá o rumbo de Lugonovo nos vindeiros meses para afrontar o proceso de restruturación orgánica da Plataforma Cidadá. A decisión foi tomada onte pola Asamblea da formación na que a actual Coordinadora da mesma optou por dimitir en bloque tralos malos resultados acadados nas eleccións municipais, aínda que os seus integrantes puxeron de manifesto a súa disposición para seguir colaborando en toda canta actividade desenvolva.
O órgano de dirección estará composto por Paula González, Uxío Outeiro e Xosé Manuel Saa e apoiado por Camino Casabella e Mina Galván, todas elas, persoas que conformaron a candidatura que concorreu aos pasados comicios locais.
A Plataforma, que aproveitará os meses de verán para buscar un novo asentamento e establecer a súa base, referendou de forma unánime a súa vontade de manter vivo a curto prazo o proxecto político e veciñal de Lugonovo; deixando claro, asemade, o seu posicionamento como interlocutora con En Marea e a súa intención de manter tanto a presenza en medios de comunicación como nas redes sociais. Entre as súas funcións figura igualmente a toma das deliberacións que sexan necesarias para garantir o seu funcionamento no futuro.