A dirección do BNG dá por roto o pacto de Goberno entre socialistas e nacionalistas na Deputación de Lugo. Así o salientou a responsable de Política Institucional da formación frontista, Goretti Sanmartín, en declaracións a Xornal de Lugo trala xuntanza da Executiva Nacional do bloque que tivo lugar esta tarde en Santiago.
Os nacionalistas consideran que foi o Partido Socialista “de xeito unilateral” quen rachou este acordo ao pactar co Partido Popular e “ás costas do BNG” os orzamentos da Deputación de Lugo, que esta mañá quedaban aprobados. Por este motivo, o bloque empraza á dirección galega do PSOE a “desautorizar” dito acordo.
Goretti Sanmartín acusaba directamente ao presidente da institución Darío Campos de romper o pacto de Goberno asinado entre ambas as dúas formacións co acordo que esta mañá escenificaban PSOE, PP e Manuel Martínez. Para Sanmartín, este feito é un “ensaio da gran coalición” entre os dous partidos.