Documental sobre as mulleres na arte contemporánea galega

O Museo Provincial, acolle este luns día 23, ás 19:30 horas, a proxección do documental ARTE+MULLER+GALICIA, unha perspectiva sobre o papel clave das artistas mulleres na Arte Contemporánea galega. O filme, dirixido pola historiadora da Arte e crítica Rosario Sarmiento, foi un dos proxectos culturais galardoados no I Concurso de Ideas ‘Luísa Villalta’ de Iniciativas Culturais pola Igualdade.

O feito de ser muller marcou para moitas delas o desenvolvemento da súa traxectoria profesional e, sobre todo, a súa presenza e protagonismo nos espazos de poder e decisión. “Recoller as súas opinións, como mulleres e como artistas, supón unha chamada de atención sobre os factores que marcan a desigualdade: a falta de seguridade en si mesmas e o seu traballo, as dificultades para conciliar a vida persoal e profesional e, especialmente, a eterna necesidade non só de mostrar senón de demostrar as propias capacidades profesionais”, recalcou Rosario Sarmiento.

 O documental divídese en dúas partes, un primeiro percorrido histórico a través da vida e a obra de diferentes xeracións de artistas ata chegar a aquelas creadoras que realizan por primeira vez os seus estudos superiores en Galicia, trala creación da Facultade de Belas Artes en 1990. Un percorrido que reflexiona sobre cuestións como o seu insignificante protagonismo nos movementos de Vangarda anteriores á Guerra Civil, a Posguerra e a obrigada emigración cara a outros centros artísticos fóra do seu país; a chegada da Democracia e a Autonomía; o impulso dinamizador das artes plásticas en Galicia e, finalmente, os novos escenarios formativos nos que as nosas artistas comezarán as súas traxectorias nos inicios do século XXI.

 Na segunda parte toman a palabra, nos seus obradoiros, oito creadoras que participaron na exposición ‘Mulleres do silencio’: Fina Mantiñán, Rosalía Pazo, Elena Colmeiro, Berta Cáccamo, Soledad Penalta, Mónica Alonso, María Xosé Díaz, Almudena Fernández Fariña, Menchu Lamas e Tatiana Medal. De diferentes tendencias artísticas e xeracionais, relatan as circunstancias que rodearon o seu traballo, a súa proxección profesional, e cal é a súa opinión sobre o que significa ser muller artista en Galicia.

Unha vez rematada a proxección haberá un coloquio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com