Dous centros educativos de Lugo participarán nun programa para o fomento do emprendemento na formación profesional

Dous centros educativos da provincia de Lugo participarán este curso en ‘Eduemprende Actúa’, un programa impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o fomento do emprendemento na Formación Profesional. O obxectivo da actuación é poñer en valor o talento emprendedor como ferramenta para o desenvolvemento profesional, para o que se facilita que o alumnado teña contacto directo cunha persoa que teña posto en marcha a súa idea de empresa e que lles narra a súa experiencia en primeira persoa.

Na provincia de Lugo participarán na iniciativa os alumnos do segundo curso dos ciclos formativos do IES Muralla Romana e do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes.

O programa enmárcase no Plan de Emprendemento no sistema educativo de Galicia ‘Eduemprende’, desenvolvido polas Consellerías de Cultura e Educación e de Economía, Industria e Emprego; concretamente no eixe estratéxico 1, ‘Sensibilización e motivación’, que agrupa o conxunto de obxectivos e medidas a desenvolver para que a comunidade educativa perciba a importancia de construír e fomentar a cultura emprendedora, para recoñecer no seu contorno actitudes e valores emprendedores, favorecendo a súa integración nos centros educativos e creando unha conciencia emprendedora.

Fases

‘Eduemprende Actúa’ vai dirixido ao alumnado de segundo curso dos ciclos formativos dos centros sostidos con fondos públicos de Galicia, e divídese en varias fases. Na primeira delas o profesorado do módulo de Empresa e iniciativa emprendedora realiza unha sesión na aula para presentar e reflexionar sobre a actividade que se vai desenvolver a continuación.

A fase 2 conta coa participación de persoal técnico do IGAPE, que presentará e coordinará a actividade, contestando ás cuestións, dúbidas e inquedanzas que o alumnado asistente formule. Despois desta introdución unha persoa emprendedora compartirá a súa experiencia persoal co alumnado, e abrirase un debate final sobre as cuestións que poidan interesar aos estudantes. finalmente, o profesorado e o alumnado analizarán na aula o resultado da actividade.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com