A Unidade Territorial da Policía de Barrio realizou durante a tarde de onte un “filtro de seguridade viaria” na Praza da Milagrosa para evitar a circulación pola zona peonil de vehículos sen autorización. Neste control, os axentes puideron comprobar como un individuo conducía un turismo sen ter obtido o permiso de circulación, polo que se lle instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria. Asemade, a esposa do condutor, presente no vehículo e propietaria do mesmo, tamén está a ser investigada como cooperadora necesaria. Asemade, se expediu unha denuncia por facer caso omiso á sinalización de vía peonil.
Na mesma tarde, un indicativo policial pertencente á mesma unidade observou como, na confluencia das rúas Alfredo Braña e Lamas de Prado, un automóbil facía caso omiso á luz vermella do semáforo para vehículos, motivo polo cal procederon a deter a súa marcha. Os axentes comprobaron que o condutor tamén carecía de permiso de conducir, xa que non o obtivera nunca, motivo polo cal se instruíron dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, no que consta como investigado. A esposa do condutor, que circulaba no automóbil, tamén é investigada como cooperadora necesaria, xa que se trataba da titular do turismo.
Ademais, confeccionáronse denuncias por facer caso omiso á luz vermella do semáforo para vehículos e por circular sen ter concertado seguro obrigatorio. O automóbil foi inmobilizado, á espera de que se regularice esta situación e de que se faga cargo do mesmo algunha persoa habilitada.
Ámbolos dous condutores enfróntanse a unha pena de prisión de 3 a 6 meses ou a multa de 12 a 24 meses ou a traballos en beneficio da comunidade de 31 a 90 días.
Así mesmo, no transcurso destes operativos localizouse circulando un vehículo sobre o que pesa un mandamento de procura, captura e depósito por embargo, sendo trasladado polo guindastre ao Depósito Municipal onde quedou Precintado.