Durante o pasado domingo, axentes da policía Local e da policía Nacional, nun dispositivo coordinado e organizado con antelación, procederon á inspección de tres locais da cidade, cos seguintes resultados:
Local situado no Paseo Palestina: atópanse celebrando unha festa, con asistencia dunhas 60 persoas, manifestando que alugaron o local, o cal carece de título municipal habilitante para o exercicio da actividade, carecendo tamén, por tanto, de seguro de responsabilidade civil e todas aquelas esixencias de seguridade que acompañan á licenza. Procedeuse á identificación do titular do local e do arrendatario, dando conta á autoridade competente para a instrución do expediente correspondente e a adopción das medidas cautelares que se estimen convenientes.
Local situado na rúa Luís Seoane. Levántanse actas polas seguintes infraccións:
– Permitir sacar envases e consumicións ao exterior do local.
– Ter instalado e facer uso dun equipo musical, cando non está autorizado.
– Carecer da preceptiva cartelería informando sobre a actividade, horarios, capacidade, #etc…
– Ter instaladas e en funcionamento máquinas comecartos sen autorización.
– Permitir fumar no interior do establecemento.
– Carecer da preceptiva cartelería sobre a prohibición de fumar.
– Irregularidades na cartelería relativa á videovixilancia, xa que ten instaladas varias cámaras de seguridade.
– Acharse traballando como camareiro unha persoa que non acredita relación laboral co establecemento.
– Tres actas – denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por tenencia de droga no interior do establecemento.
* O mesmo local fora denunciado o venres da mesma semana por permitir sacar consumicións ao exterior e por facer uso do equipo musical sen estar autorizado.
* Tamén se abriu expediente anterior polas irregularidades na cartelería de videovixilancia, sendo notificada a obrigatoriedade da súa corrección por parte da Axencia de Protección de Datos, sen que dese cumprimento ao devandito mandato.
Todos estes feitos son constitutivos de infraccións á Lei de Espectáculos Públicos e Actividades Recreativas de Galicia, Ordenanza de Contaminación Acústica Municipal, Lei de Emprendemento e Competitividade Económica de Galicia.
Local situado na rúa Tui. Aínda que presenta toda a documentación requirida en orde, levántanse dúas actas por infracción á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, por tenencia de droga no interior do establecemento.
* As substancias intervidas en ambos os establecementos trátase, presuntamente, de cocaína, heroína e hachís.
Tanto o establecemento sito na rúa Luís Seoane como o situado na rúa Tui foron notificados da obrigación de cesar a actividade e proceder ao peche antes de 24 horas, sen que poidan renovar a mesma ata que acrediten que os defectos observados e plasmados no expediente instruído foron corrixidos.