O encontro arrincaba co Lugo buscando o protagonismo a través do control da posesión e obrigando ao Murcia a limitar as súas actuacións a xogadas de contragolpe en balón longo.
A pesar de que eran os de Luís César os que levaba a batuta no partido, sería o conxunto de Salmerón o que se adiantaría no marcador, nun descoido defensivo que custaría caro aos albivermellos. Perda na frontal da área, e Nono, con moita velocidade, aproveitaba a ocasión batendo a José Juan.
Co marcador 1-0, o Lugo reaccionaba con velocidade e, tras o golpe recibido, buscaba recuperar o equilibrio no marcador sen demora. Non pasaría moito tempo ata que, tras unha xogada individual, Alfonso Pedraza marcaba o tanto do empate. Veloz carreira do extremo, rompendo con contundencia aos seus defensores, e disparo duro e raso que, tras tocar en Fran Pérez, coábase na meta de Fernando.
A segunda metade comezaba con empate a un e era o UCAM quen se mostraba máis incisivo, intenso nas disputas, e perigoso nas súas internadas a xogo directo en busca dos seus homes máis veloces.
Luís César daba entrada a Pablo Caballero, aumentando a potencia do ataque e o CD Lugo continuaba consolidando as súas opcións ofensivas, mostrándose cada vez máis superior ante un rival limitado pola formulación dos amurallados. O traballo dos visitantes atoparía a súa xusta recompensa, e no seu enésimo achegamento á meta de Fernando que, tras varias tentativas, terminaría cristalizando en gol. De novo era Alfonso Pedraza, e de novo, tras un bo disparo desde a frontal, conseguiría o tanto da tranquilidade para os lucenses.
Nos últimos minutos, o UCAM volvería reencontrarse coa súa versión máis incisiva, conseguindo chegar con moito perigo á meta de José Juan, rozando o tanto nun cabezazo de Juanma que se estrelaba no pau. Xa co partido a piques de rematar, un novo penalti en contra, ameazaba a vitoria lucense. Aí emerxeu a figura dun inmenso José Juan que, cunha grandísima intervención, detiña o disparo do miúdo dianteiro, e daballe aos de Luís César os tres puntos.