Nos dous sinistros tiveron que intervir helicópteros medicalizados. Segundo informa 112 Galicia, o primeiro deles rexistrábase en Folgoso do Courel contra ás 16:50 horas desta tarde. Un motorista resultou ferido despois de sufrir unha caída cando circulaba pola zona de Santa Eufemia.
Unha persoa particular contactou co 112 Galicia para dar conta do ocorrido. Decontado, o persoal do Centro de Atención ás Emerxencias puxo o accidente en coñecemento de Urxencias Médicas, do GES de Quiroga-Folgoso, de Protección Civil e da Garda Civil de Tráfico.
Os efectivos sanitarios decidiron enviar ao punto o helicóptero medicalizado con base en Ourense, que se encargou de trasladar á vítima a un centro hospitalario.
Pouco despois, rexistrábase un sinistro semellante no concello da Fonsagrada. Tamén un motorista resultaba ferido tras caer da moto na que viaxaba. Os feitos tiveron lugar en Cerredo.
O 112 Galicia recibía un aviso dunha persoa particular ás 17:30 horas desta tarde. Pola súa banda, o persoal da central de emerxencias do 112 alertou dos feitos a Urxencias Médicas, que enviou á Fonsagrada o helicóptero medicalizado con base en Ourense. Ademais, tamén se informou aos Bombeiros de Sarria, ao GES da Fonsagrada. a Protección Civil e á Garda Civil de Tráfico.