Segundo informa Emerxecias de Galicia, “un tráxico accidente, rexistrado esta madrugada no concello lucense de Chantada, saldouse con dous mozos falecidos. O turismo envorcou cando circulaba pola N-540, á altura do punto quilométrico 53, con tres persoas no seu interior. O condutor do vehículo resultou ileso e os bombeiros tiveron que excarcerar ás vítimas mortais.
O 112 Galicia tivo constancia do ocorrido ao fío das 00:15 cando varios particulares chamaron para solicitar axuda para os ocupantes dun coche, que estaban atrapados como consecuencia dunha saída de vía. De feito, segundo o relato dun dos alertadores, o accidente puido ser provocado por un xabaril que interceptou a estrada.
Nada máis ter constancia dos feitos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros de Chantada e dos axentes da Garda Civil de Tráfico.
Unha vez no lugar, os membros do Servizo de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento do concello chantadino empregaron o material de excarceración para liberar a dous dos ocupantes do turismo sinistrado. Desafortunadamente, nada se puido facer por salvarlles a vida.
Cómpre indicar que os equipos de intervención desprazados ata o lugar informaron ao 112 que, malia sufrir unha crise de ansiedade, o condutor do vehículo resultou ileso. Deste xeito, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, informouse aos psicólogos especialistas do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes ou Emerxencias (GIPCE) por se fose necesaria a atención especializada á familia e persoas próximas aos falecidos.
O operativo foi completado polos efectivos de Protección Civil de Chantada e persoal do servizo de mantemento das estradas. Igualmente, pasouse aviso aos axentes da Policía Local”.