Os cines Codex estrean mañá venres dous filmes que non deixarán indiferente a ninguén.
A primeira estrea desta semana en Codex é Sundown, novo filme do mexicano Michel Franco, presentado nos festivais de Venecia, Toronto e no londiniense BFI, e que conta cun reparto internacional encabezado por Tim Roth e Charlotte Gainsbourg. Trátase dun filme moi esperado pola cinefilia internacional debido a que a anterior e provocadora longametraxe de Franco, Nuevo orden, conmocionou á crítica mundial. Sundown é un drama no que o suspense e a intriga adquiren progresivo protagonismo, creando así un relato ambiguo que reflicte o estado mental do seu protagonista. De novo, coma en Nuevo orden, as súas personaxes conforman unha adiñeirada familia sometida a unha
espiral de violencia situada, nesta ocasión, en Acapulco. A disección que o director propón desta turística cidade supón tamén unha análise da propia familia protagonista e das súas dinámicas internas.
A segunda estrea desta semana é Memoria, última película do tailandés Apichatpong Weerasethakul e a primeira que realiza fóra do seu país natal. O filme acadou o Gran Premio do Xurado no último Festival de Cannes e o premio á Mellor Película no Festival de Chicago, confirmando unha vez máis que Apichatpong é un dos mellores cineastas que xurdiu neste século e que goza dunha brillante traxectoria que acadou o seu maior momento de gloria cando o seu filme Tío Boonmee lembra as súas vidas pasadas gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes de 2010. Súas son películas como Cemetery of Splendour (2015), Mekong Hotel (2012), Syndromes and a Century (2006), Tropical Malady (2004) ou Blissfully Yours (2002), todas elas premiadas e amadas pola crítica e por un público de culto. O director é un habitual practicante da curtametraxe; tamén pon en pé instalacións artísticas que supoñen unha prolongación dos temas habituais do seu cine, como son a importancia do soño ou da memoria.
Memoria conta coa presenza da prestixiosa actriz británica Tilda Swinton e consiste nun filme de contornos depurados que nos mergulla nunha experiencia única que outorga á dimensión sonora unha capacidade transcendental como poucas veces se conseguiu no cinema.
Poden consultar os horarios na páxina: www.caldiae.gal