Dúas persoas tiveron que ser trasladadas a un centro médico na pasada tarde ao presentar síntomas por unha posible intoxicación de monóxido de carbono procedente da defectuosa combustión dun quentador en Sarria.
Os feitos sucederon á altura do número 158 da rúa de Calvo Sotelo, ao fío das 20:00 horas. Nese momento, Urxencias Sanitarias de Galicia-061 alertaba ao 112 do escape gas. Acto seguido, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros de Sarria, da Policía Local e da empresa subministradora do gas.
Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencia levaron a cabo as comprobacións correspondentes, que confirmaron a presenza de monóxido de carbono. A partir de aí procederon a ventilar a casa.