Eolicos

A DXT activa o luns un novo radar de tramo na A-8

A Dirección Xeral de Tráfico, a través da Xefatura Provincial de Lugo, informou esta mañá de que o vindeiro luns, día 26 de marzo, entrará en funcionamento o segundo radar de tramo da Autovía do Cantábrico, a A-8, na provincia de Lugo.
Este novo dispositivo de control de velocidade vixiará o tráfico nun total de 4,6 quilómetros (entre os puntos quilométricos 545,60 e 550,20) en sentido Vilalba, onde a velocidade máxima permitida é de 100 quilómetros por hora. Como é habitual, este dispositivo identificarase expresamente mediante sinalización vertical, para que os condutores estean perfectamente informados do control realizado e adecúen a súa condución a esta circunstancia.
A posta en marcha deste radar de tramo enmárcase nas medidas implantadas pola Dirección Xeral de Tráfico para mellorar a seguridade dos usuarios no tramo da A-8 comprendido entre Ribadeo e Vilalba. A DXT destinou máis de 3,5 millóns de euros á sinalización dinámica e a xestión da circulación nesta autovía que, ademais dos dispositivos de control de velocidade, supuxo a instalación de paneis informativos e de estacións meteorolóxicas, entre outros sistemas.
Funcionamento 
Os puntos de control de velocidade mediante radar de tramo controlan a velocidade media dos vehículos que circulan nun determinado tramo de estrada. Esta modalidade de vixilancia non funciona con radares senón con cámaras de visión artificial.
Segundo explica a DXT, as cámaras (que haberá unha por carril) gravarán de forma continua a todos os vehículos tanto á entrada como á saída do tramo. Estas cámaras están sincronizadas por fibra óptica e con sistemas de información; cos datos almacenados un computador comproba o tempo que tarda cada vehículo en cruzar o tramo en cuestión e calcula a súa velocidade media. Se a velocidade é superior á fixada no devandito tramo, a fotografía do vehículo infractor remítese por fibra óptica ao Centro de Tratamento de Denuncias Automatizadas de León, onde se tramita o correspondente sancionador cuxa primeira notificación remitirase ao titular do vehículo nun breve período de días para que identifique o condutor responsable da infracción.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com