Eco y Narciso, de Calderón de la Barca pecharán esta sábado a Mostra de Teatro Clásico

A XVIII Mostra de Teatro Clásico entra no seu sprint final e como colofón, esta programación, organizada polo Concello de Lugo, ten reservada para mañá venres a obra O servidor de dous amos. Ao longo de 75 minutos e a partir do texo de Carlo Goldoni, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, Talía Teatro presenta unha reinvención da obra de Goldoni que respecta o ritmo do teatro renacentista italiano, a comedia e a peza orixinal, pero que busca tamén incorporar novas formas de teatralidade. Oito intérpretes desenvolverán en escea un espectáculo de gran formato onde todo será posible, onde a mentira e a confusión serán a base do xogo, onde os distintos espazos mudarán á vista do espectador e onde os e as espectadoras rirán de todo e de todos, ata dun mesmo.

O sábado, como broche de ouro, o Gustavo Freire acollerá a representación Eco y Narciso, de Pedro Calderón de la Barca. Trátase dunha historia de amor inalcanzable que transcorre na Arcadia, lugar protexido polos deuses, mergullado nunha primavera eterna onde cada individuo representa o seu rol con vaidade, convivindo cunha apariencia allea á realidade, creadora de espellismos e de comportamentos adulterados.

As entradas para estes dous últimos espectáculos, que arrincarán ás 20:30 horas, aínda se poden adquirir na web www.entradaslugo.es ata tres horas antes da función, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio unha hora antes do comezo da representación. O prezo é de 10 euros na zona A e 8 euros na B, cun desconto do 20% para persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e integrantes da Asociación de Actores e Actrices de Galicia.

Complementa esta última programación a intervención de Espazo Artístico 10 e Os Palimoquiños Quen ocupa esa cadeira? Atopémonos con Shakespeare. A dirección corre a cargo de Paloma Lugilde e os intérpretes son alumnas e alumnos da Escola Palimoco Teatro-Espazo 10 Os Palimoquiños. Ante a previsión de choiva, a actuación, que estaba prevista ás 12:00 horas no fondo da Praza Maior, trasladarase ao patio do Vello Cárcere, manténdose o horario.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com