A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o próximo curso escolar 2020/21.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde maña, 20 de maio, ata o próximo día 19 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia de hoxe.
As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica (preferentemente) empregando a aplicación informática “fondolibros” ( https://www.edu.xunta.es/fondolibros) a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, ou ben presencialmente nos propios centros docentes, así como en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo.