A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destina anualmente algo máis de 25.000.000 euros a sufragar os servizos de comedor e transporte escolar nos colexios e institutos da provincia de Lugo (en concreto, 25.026.575 euros no 2016).
O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, deu a coñecer os datos relativos á prestación de ambos servizos e destacou o esforzo inversor que “proba a aposta do Goberno de Galicia polo ensino público e polo rural”.
Así, explicou Balseiro, a consellería xestiona os comedores escolares de 104 centros lucenses, dos que fan uso este curso 10.361 alumnos e alumnas.
Igualmente, utilizan o transporte escolar 9.291 nenos e nenas de 119 centros da provincia. A prestación deste servizo obriga a asinar 657 contratos coas empresas de transporte que cobran diariamente 710 rutas.
A maiores, a consellería inviste 79.439 euros en 43 axudas individualizadas para sufragar os custos de desprazamento das familias en casos puntuais nos que resultaría complexo habilitar unha ruta.
En xeral, a maioría dos alumnos que utilizan o transporte escolar tamén fan uso do servizo de comedor.
O delegado territorial subliñou que a Xunta organiza os servizos educativos complementarios co obxectivo primordial de “salvar as dificultades de acceso ao ensino derivadas da dispersión xeográfica e doutras situacións de desvantaxe social, económica ou de calquera índole” e garantir en todo o territorio o dereito fundamental dos nenos e nenas a recibir unha educación básica obrigatoria e gratuíta de calidade.
Nesta liña, incidiu en que estes recursos complementarios son fundamentais para que “con independencia das situacións de partida, todos os alumnos teñan acceso á educación sen limitacións”. Ademais, engadiu, “son un importante instrumento para a conciliación da vida laboral e familiar”.
O delegado destacou que os orzamentos da Consellería de Cultura e Educación para o presente ano medraron nun 2,87%, o que permitirá reforzar a aposta polos programas de mellora educativa, das infraestruturas e dos servizos complementarios.
“Continuaremos así -afirmou Balseiro- apostando pola equidade do sistema educativo e pola súa mellora cara á excelencia”. Ao respecto, lembrou que segundo o último informe PISA o sistema educativo galego é o máis equitativo dos países que participan no estudo.