Poucas veces a actualidade política no verán é tan dinámica como neste agosto, onde se conxuga a actividade soterrada ou non tanto da política autonómica, con eleccións a unhas semanas vista, coa política nacional que queima etapas para conseguir clarificar unha situación que debe estar diáfana antes de que as eleccións galegas se celebren.
En canto á actualidade política nacional, se as urnas deron a maioría ao PP, nestes momentos a voz cantante esta levándoa un partido non gañador pero influínte aínda que non decisivo. Aí está a vantaxe do diálogo e de facerse valer que, sendo pequeno en número de escanos, Ciudadanos está na primeira fila da actualidade política, vendendo moi caro o seu apoio, ao maioritario Partido Popular.
Cal é pois, a postura intelixente, ¿A de Ciudadanos ou a do Psoe?… Ciudadanos establece as regras de xogo, marca territorio e camiño a seguir, e conseguirá que parte do seu ideario se cumpra, se chegan a bo porto as negociacións. O Psoe mantén a ultranza, alomenos por agora, a súa postura ideolóxica, defendendo que ao PP – como ao inimigo- nin auga. Pero con esta postura non se consegue nada práctico, salvo “mantenella y no enmendalla”.
Ciudadanos, negociando, apretando, ao Partido Popular, fai que se camiñe dun determinado xeito, mesmo acomodando as liñas de goberno ao seu xeito de pensar. O Psoe non conseguirá nada práctico coa súa postura, abrirá camiño a unhas novas eleccións e o resultado pode ser inesperado.
Quizais ao Psoe lle pareza que contribuír, aínda que sexa por pasiva, á gobernabilidade do país, é venderse por un prato de lentellas. Pero a política posiblemente sexa iso: cultivar lentellas, conseguir lentellas para todos, e que no reparto ninguén perda lugar nin produto.
É de admirar ser fiel a uns principios. Pero o de privarse de vista –cegar- para que outro non vexa non pode xustificarse. O lóxico parece ser negociar, dialogar, e lograr que o que non puido conseguir directamente nunhas eleccións o consiga parcialmente nunhas negociacións. Esas ás que agora se están negando.
A postura do Psoe non parece intelixente; ou si, se están pensando en dulcificala a cambio de algo.