As eleccións xerais deste domingo deixaron na provincia de Lugo o mesmo panorama que o 20 de decembro. Non houbo cambios no reparto de deputados e o Partido Popular conservou os seus dous escanos no Congreso, que volverán a ocupar Joaquín García Díez e Jaime de Olano. Os socialistas manteñen a acta de Margarita Pérez Herráiz e En Marea a de Miguel Anxo Fernán-Vello.
Con todo, os populares reforzan a súa posición na provincia ao medrar un 5% en número de votos. A secretaria provincial do PP en Lugo, Elena Candia, fala de “bos resultados” e salienta que o seu partido acada en Lugo a maior suba porcentual de entre todas as provincias galegas.
O PSOE mantense en termos porcentuais con respecto aos resultados acadados o 20 de decembro pero logra superar a En Marea na cidade de Lugo. A alcaldesa de Lugo, a socialista Lara Méndez fala de “sorpasso” dos socialistas na cidade aínda que cre que os resultados foron “malos” para España e Galicia, e acusaba sen nomealo a Pablo Iglesias de ter forzado unha repetición de eleccións ao non querer apoiar a investidura de Pedro Sánchez.
Pola súa banda, a coalición En Marea mantén a acta de Miguel Anxo Fernán Vello, aínda que perde un 2,6% dos votos acadados hai seis meses.
O BNG volve quedar sen representación na provincia e mesmo reduce a súa porcentaxe de voto ata quedar nun 2,3%. A súa candidata Olalla Rodil cre que con estes resultados Galicia “volve quedar sen voz” nas Cortes xerais.