Hoxe tivo lugar en Compostela a primeira reunión entre a Presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, e o titular do goberno galego Alberto Núñez Feijóo, na que falaron entre outros asuntos, da importancia da colaboración entre as dúas administracións, a problemática do sector primario na provincia de Lugo, ou o impulso da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade.
“A nosa prioridade é o benestar dos veciños da provincia, por un lado manifestei ao Presidente o interese de traballar de xeito coordinado na planificación das infraestructuras sociais, e tamén a dispoñibilidade de participar en proxectos que busquen paliar a desigualdade dos veciños da miña provincia”, sinalou.
“Trasladeille, por suposto, a problemática do sector primario, sector prioritario polos postos de traballo que xenera, e polo volume de facturación que supón. O sector lácteo vive momentos complicados, e na provincia de Lugo sabémolo ben porque representa unha parte moi importante do noso tecido económico”, subliñou Candia.
Como proposta de futuro abordaron o potencial turístico da provincia, e nomeadamente os camiños de Santiago. Acordaron traballar coa Xunta para poñelos en valor, en especial tras a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, sen esquecer a necesidade de sumar esforzos para acadar este mesmo recoñecemento para a Ribeira Sacra.
Xunta e Deputación renovaron a súa aposta pola tecnoloxía, como formula de colaboración entre administracións para facilitar xestións e que os veciños vexan nos medios tecnolóxicos un mecanismo para resolver problemas e facilitar os trámites, sobre todo nunha provincia cunha poboación tan dispersa.
Finalmente, Candia pediulle a Núñez Feijóo que as políticas de discriminación positiva continúen beneficiando á provincia con medidas ten eficaces como o plan impulsa, mellora nos prezos de solo industrial, prioridade no acceso a axudas.