Elena Candia anuncia a posta en marcha de medidas urxentes para corrixir deficiencias nas rutas fluviais da Ribeira Sacra

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, anunciou hoxe na súa visita á Ribeira Sacra a posta en marcha dun plan pensado para acometer accións nun prazo curto de tempo e responder de xeito inmediato ás necesidades máis acusadas que se presentan na oferta das rutas fluviais nos catamarán polos ríos Miño e Sil.

Neste senso, Candia citou un amplo paquete de medidas que permitirán corrixir deficiencias nas rutas fluviais e que xa está a desenvolver o Goberno provincial. En concreto, a presidenta da institución referiu, entre outras accións, a mellora no sistema de pago para viaxar en catamaráns, a ampliación do horario de reservas, a dotación de puntos de información de venda física en Belesar e Doade, así como a implantación de audioguías en varios idiomas.

Candia matizou que é necesario ter en conta que “a época do ano na que nos atopamos e coincidindo co ecuador da tempada turística por excelencia, dificulta a posta en marcha dos  cambios, pero estase a avanzar coa maior rapidez  posible para acometer as intervencións máis urxentes e setembro será o mes no que todas as xestións iniciadas poderán comezar a materializarse”.

A presidenta engadiu que o servizo de rutas de catamarán funciona de xeito “deficiente” e xa dende a oposición foi un dos principais obxectivos no que nos centramos “requirindo actuacións a través dos medios dos que dispuñamos e agora con responsabilidades de goberno estamos a traballar para melloralo de maneira inmediata” e, deste xeito, engade a popular, “intervir sobre as súas instalacións e a súa operatividade” dado o elevado número de deficiencias observadas e queixas recollidas nos últimos anos.

Por outra banda a Presidenta na visita celebrada esta mañá a Augasmestas e aos embarcadoiros de Doade e Belesar, na que estivo acompañada polo deputado de Turismo, Carlos Armesto, e dos alcaldes das respectivas localidades, adiantou tamén que paralelo a este paquete de medidas con accións urxentes, o goberno provincial está a preparar un Plan Estratéxico de Turismo 2015-2016, que actualmente está a ser elaborado e que poderá ser presentado no último trimestre do ano.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com