O Grupo Provincial do Partido Popular criticou esta mañá que a Deputación de Lugo sexa a peor pagadora de todo o territorio español como así demostran os datos do informe do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas de novembro de 2016 que veñen de facerse públicos.
A voceira do PP, Elena Candia, explicou en declaracións aos medios antes do inicio do Pleno da deputación que tivo lugar hoxe que “aínda non houbo comisións informativas e estamos cun goberno sen proxecto, sen orzamentos e que puidemos comprobar este fin de semana como batemos o récord e nos situamos como a Deputación peor pagadora de España”.
Segundo explicaba Candia, “este é o balance que podemos facer, moi descontentos da acción de Goberno e con esa situación inexplicable de que non entendemos cal é a razón pola que non se traen uns orzamentos”. A voceira explicou que a oposición fixo o seu traballo “Puxemos enriba da mesa as nosas propostas, pero en fronte non temos nada, por ter nin temos os datos do remanente de tesourería a pesar de pedilos xa hai dous plenos. Por un lado ou se nos oculta algo grave ou se descoñece, o que parece aínda máis grave”, incide.
Candia destacou que o dato desta fin de semana é o suficientemente grave e evidencia e existencia dun mal goberno ou dun desgoberno.