“Confío no traballo en equipo e na necesidade de contar cos mellores”: así se refería aos tres profesionais que vén de incorporar Elena Candia ao seu proxecto, Miguel Couto, Manuel Cortón e Ramón Cabarcos, dos que destacou que “son expertos formados e con experiencia, teñen altura de miras e priorizan Lugo ante calquera outra cousa”. A candidata do PP explicou que “mentres que a colaboración de Miguel Couto se cinguirá a dar apoio técnico asumindo a súa responsabilidade en Evislusa, os dous arquitectos irán na lista do Partido Popular” aclarando que “este equipo de expertos axudará a desbloquear tramitacións e licenzas para conseguir un Lugo dinámico e motor da provincia”.
Candia explicou que “un dos principais problemas da cidade é a falta de dilixencia na tramitación de licenzas” engadindo que “esta parálise frea o desenvolvemento do municipio, provoca fuga de empresas a outros municipios onde se lles dan facilidades”.
A popular matizou que “unha vez diagnosticado o problema, a mellor fórmula para conseguir que Lugo cambie, mellore e sexa unha cidade dinámica e amable para investir é contar cunha estrutra experimentada para reverter a situación actual”. Elena Candia tamén se referiu aos traballadores municipais indicando que “contará con todos os funcionarios, nos que creo e defendo” á vez que matizaba que “deben estar ben dimensionados e motivados baixo unha dirección política clara que non os poña como escudo cada vez que hai un problema”.