A Presidenta provincial do Partido Popular, Elena Candia, puxo en valor no “Foro Emprende”, organizado por esta formación política, e dirixido aos autónomos lucenses, o apoio decidido que está a realizar Xunta de Galicia para potenciar o autoemprego e o desenvolvemento e consolidación deste colectivo da provincia. Proba delo, expuxo, é que en 2016, o Goberno galego destinou a este colectivo, que suma 35.846 membros, máis de 2,3 millóns de euros. Desta cantidade, os emprendedores recibiron preto de 1,5 millóns, 510.000 euros foron concedidos en axudas directas e 342.000 a través de préstamos e avais do IGAPE.
Este esforzo inversor demostra, segundo indicou a máxima dirixente desta formación política, que para o Executivo de Feijóo este colectivo, que representa o 30% do total de Galicia, “é unha prioridade”. “Cremos que non hai mellor política laboral que o impulso a aqueles que o crean. É misión da administración insistir na liña non de solucionarlles a vida, senón de crearlles o marco axeitado para que sexan os protagonistas das súas propias solucións”, afirmou.
Aumento das achegas en 2017
“O Goberno galego traballa nunha nova estratexia máis ampla e ambiciosa, co obxectivo de converter a Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo”, subliñaron. Concretamente, o Executivo de Feijóo inclúe tamén nos Orzamentos deste ano un aumento do 44% nos recursos para o financiamento deste colectivo, PEMES e microempresas. Este incremento materialízase en catro novidosas medidas. Son as seguintes:
Creación do Bono Autónomo, de ata 2.000 euros para aqueles que, con menores ingresos, poidan investir na mellora da competitividade ou en formación.
Ampliación, un ano máis, da Tarifa Plana, para que os que máis o necesiten só paguen 50 euros de cota da Seguridade Social durante 2 anos.
Incremento en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar, que se abrirá tamén aos que son pais.
E, finalmente, a extensión a todos os autónomos do Programa de Remuda Xeracional que xa existe no comercio.
Compromiso político da presidenta
Con este foro, Elena Candia dá continuidade ao compromiso político asumido no inicio do seu mandato de “achegar o Partido a todos”. Deste xeito, esta actividade engádese “a esta dinámica de escoita activa” que se vén levando a cabo nos últimos meses con distintos colectivos e sectores. A finalidade, subliñou a presidenta do Partido, é “deseñar políticas que dean unha resposta real e eficaz ás súas demandas, tal e como aconteceu a pasada fin de semana coa celebración do I Congreso Provincial: “A educación no ámbito educativo”.
O foro desenvolveuse no Hotel Méndez Núñez, e contou coa presenza distintas entidades relacionadas co tecido empresarial e industrial lucense. Ao encontro tamén asistiron deputados nacionais, autonómicos e senadores.