A candidatura que encabeza Elena Candia porá en marcha o buzón do afiliado, para operar como unha nova canle de comunicación directa entre os militantes e a presidenta provincial do Partido Popular de Lugo, se así se decide o día 6 de marzo no Congreso extraordinario.
Este novo espazo de comunicación servirá para recoller suxestións, propostas e inquedanzas dos máis de 12.000 afiliados lucenses, aos que Elena Candia quere seguir escoitando, non só durante este proceso electoral interno senón tamén ao longo de todo o mandato.
“Os afiliados do Partido Popular reclaman máis presenza e protagonismo na vida diaria do partido e creo que esta pode ser unha ferramenta máis áxil e inmediata de contacto coa futura dirección”.
A candidatura que encabeza Candia segue a facer propostas aos afiliados populares de cara a gañar as eleccións. Destaca nestas propostas, a creación das novas xuntas comarcais con elección directa dos seus dirixentes, o compromiso de maior periodicidade destas reunións ou o deseño dunha nova web e dunha aplicación móbil que busca unha maior interacción e proximidade cos militantes e co conxunto da cidadanía.
Satisfeita cos apoios
Por outra banda, Candia quere poñer en valor os apoios que está a recibir de destacados dirixentes, alcaldes, portavoces e militantes do Partido Popular. “Outros non poden facelo porque, ou non teñen equipo, ou cada vez este é máis reducido ao atoparse con dificultades á hora de sumar apoios ao seu proxecto”, engadiu.