O Club Voleibol Emeve, atópase a un pasiño de acadar o obxectivo marcado a inicios de tempada, que era o de meter aos dous conxuntos da Superliga 2 na fase de ascenso cara á máxima categoría do voleibol nacional. Os mozos xa o conseguiron , mentres que as mozas teñen que seguir sumando os tres puntos no marcadoiro para poder optar a ese ansiado premio nas catro últimas xornadas que restan.
O sábado ás 20:00 horas no Palacio Municipal dos Deportes de Lugo, o equipo masculino do Emeve enfróntase ao seu compatriota e amigo o Rotogal Boiro Voleibol. Os boirenses veñen coa idea de asaltar a cidade amurallada e poder levar os tres puntos nun encontro no que brillará o bo xogo. Os lucenses pola contra queren seguir con só unha derrota no marcador e que os tres puntos queden en casa.
Diego Taboada é optimista e cre no seu novo equipo como un bo líder para ser campión ligueiro. O septeto inicial que formará parte do encontro será o composto por Antonio Mondejar, Pedro Sánchez, Adrián García, Chema Giménez, Boris Rodríguez, Manuel Blanco e Mario Dovale (Líbero). Como reservas: Pablo Villar, Alberto Villar, Álvaro Bustos, Guillermo Avendaño e Jordi Ferreiro.
Pola súa banda, ás mozas tócalles actuar o domingo ás 12:00 horas da mañá no Palacio Municipal dos Deportes, contra o equipo madrileño CV Torrexón. Sétimas na clasificación veñen dispostas a pelexar para conseguir levar o ansiosos tres puntos, e poder, con iso, seguir ascendendo na táboa de clasificación. As lucenses, que veñen de xogar a un nivel moi alto, queren seguir demostrando a súa maxia e o seu bo xogo, e por conseguinte conseguir que os tres puntos queden en casa. Jose Vale pode optar polo seguinte septeto inicial: Carmen Saa, Laura Villasante, Lucía Prol, Alba Pizarro, María Aguiar, Irene Yañez e Eliana Gónzalez ( Líbero). Como reservas: Ainara Burgo, Julia Paradela, Aitana Fernández, Uxía López e Paula Lorenzo.