A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, informou que dende este luns están a disposición da veciñanza 2.000 unidades da Tarxeta Cidadá, un lote que permite reactivar a súa emisión unha vez solucionados os problemas de subministro. Nestes momentos estase a pasar aviso a todas aquelas persoas ás que non se lles puido facilitar debido aos devanditos problemas, para que pasen a recollelas na Oficina de Tarxeta Cidadá en horario de 9:00 a 14:00. As tarxetas, segundo o procedemento habitual, expídense no momento, previo abono da taxa municipal correspondente, de 3,09€.
Paralelamente á adquisición desta partida de 2.000 unidades, a área municipal de Concello e Cidadanía sacou a licitación o subministro de 10.000 tarxetas máis, un contrato cun importe de 33.000 euros. As primeiras 2.500 tarxetas deberán ser entregadas nun prazo dun mes a partir da formalización do contrato, mentres que as restantes serán entregadas en lotes de 2.500 aos tres, seis e nove meses.
O Concello publicou o anuncio de licitación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) o pasado 3 de maio, así como no perfil do contratante da web municipal (www.lugo.gal). O prazo de presentación de proposicións, de 15 días naturais contados dende a publicación do devandito anuncio no BOP, remata esta semana.
A Tarxeta Cidadá é un dispositivo intelixente multiservizo, que lle permite aos usuarios identificarse e facer uso dos servizos municipais dun modo máis rápido e sinxelo. Máis de 20.000 persoas solicitaron a tarxeta dende a súa posta en funcionamento, no ano 2011.