O CD Lugo recibía no Anxo Carro ao SD Huesca, nun partido no que dende os primeiros minutos de xogo os de Milla levaron a iniciativa ante un rival práctico e coa premisa clara de chegar en poucos toques á área contraria. Logo de dous intentos por parte do SD Huesca que paraba sen maiores complicacións José Juan, chegaban as opcións para os locais, cun centro de David López ao corazón da área, que remataba Iriome con potencia ao segundo pau e facía o primeiro da tarde.
Os minutos transcorrían a favor do CD Lugo, que controlaba o xogo con eficacia e que ao fío do descanso estivo a punto de incrementar a súa vantaxe, cun gran contragolpe conducido por Iriome en banda dereita, que terminaba en centro raso, e remate de Pereira que saía por centímetros lonxe do marco dun Leo Franco xa batido. Con esa xogada concluía unha primeira metade de indiscutible selo lucense.
A segunda parte continuaba o guión visto no primeiro acto. Os de Milla coa batuta sobre o xogo, buscaban aumentar a vantaxe sobre unha SD Huesca limitada aos seus achegamentos máis directos e de escasa transición por zona medular. Os locais seguían adiantando liñas de presión, xogando con bloque alto sobre campo rival para facilitar os apoios aos medios, moi activos neste arranque.
Milla daba entrada a Joselu e Caballé en busca dun impulso para as súas liñas, co dobre obxectivo de buscar un punto máis de remate en zona de ataque, á vez que reforzaba o perfil esquerdo cun home de percorrido e traballo. Pero nos últimos minutos do encontro, un centro raso desde a esquerda de Tyronne, era rematado no segundo pau ás mallas por Figueroa, que poñía o empate no marcador. Ao final, un punto para cada equipo, e coa mente posta xa no próximo choque ante o Real Oviedo.