Esta semana comezou a funcionar o hospital de día de saúde mental infanto-xuveníl da área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos. Trátase do cuarto dos sete hospitais de día de saúde mental infanto-xuvenís previstos no Plan de Saúde Mental de Galicia, aprobado a mediados de 2020, tras os de Vigo, Santiago e Ourense. O obxectivo de Plan é que haxa un hospital destas características en cada unha das sete áreas sanitarias galegas no ano 2024.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, acompañados polo xerente da área sanitaria, Ramón Ares, visitaron este hospital de día de saúde mental infanto-xuvenil, situado na planta 1 de HULA, xunto a hospitalización de Pediatría. Está atendido por un equipo multidisciplinar de profesionais de psiquiatría, psicoloxía, enfermería, traballo social e terapia ocupacional, e conta ademais con outro persoal de apoio. Ademais traballará de forma conxunta, coordinada e interdisciplinar con outros servizos implicados na atención destes pacientes, como poden ser pediatría ou endocrinoloxía.
Esta nova unidade está destinada a doentes con idades que van dos 12 aos 18 anos. Entre as patoloxías que se atenderán figuran trastornos da alimentación, trastornos mentais graves, trastornos do espectro autista e trastornos de conduta, entre outros.