O voceiro de En Marea, Luís Villares, e o deputado Pancho Casal, mantiveron unha xuntaza esta mañá co comité de empresa de Alcoa, co fin de rematar coa incertidume e impulsar solucións que garantan a continuidade da empresa e dos postos de traballo.
O presidente do comité de empresa, Zan Vega, solicitou un prezo da enerxía estable e viable que “nos permita competir con todos os países de Europa en igualdade de condicións. Non podemos partir todos los años con 70 millóns de déficit á hora de competir con Francia ou Alemania”.
Na mesma liña, Pancho Casal deixou claro é crucial para poder garantir a estabilidade que “o estatuto da electrointensiva saia canto antes e que debe haber unha diferenciación entre empresas hiperintensivas e intensivas para que non haxa competencia desleal”. O deputado matizou que o prezo da enerxía debería baixar se se toman as medidas adecuadas arredor dos 40 euros mw/h.
Pola súa banda, Luís Villares fixo un chamamento ao futuro goberno do Estado para que non se esquezan dunha realidade que afecta ao conxunto da cidadanía: “queremos que aquelas forzas que van formar un novo goberno se comprometan, non soamente con Alcoa, senón con toda a Mariña e con todos os consumidores de enerxía. Queremos un novo estatuto para a electrointensivas pero tamén para o recibo da luz que cada mes temos no noso fogar.
Villares aposta por deixar fóra subasta de interrumpilidade a enerxía hidroeléctrica e a nuclear para que se reduza custos da electricidade a empresas como Alcoa, pero tamén no recibo da luz das familias “abonda xa da estafa que nos leva a pagar máis polo recibo para que as grandes multinacionais multipliquen beneficios a nosa costa”.
Deste xeito En Marea defende garantir as inversións e que todo o que se meta neste novo estatuto redunde na continuidade dos postos de traballo e na continuidade da empresa no tempo: “ademais, isto vai unido á garantía de que o aluminio producido é un aluminio limpo, non como o que vén de Europa que non está cumprindo cos canons de emisión ambiental”.