En Marea foi quen de desbloquear a situación da EDAR de Sarria, e logo “das xestións e presións” exercidas pola formación, a mesma, será obxecto dunha renovación. Ademais, os custes de dita renovación asumiraos integramente a Confederación Hidrográfica Miño-Sil. O voceiro Luís Villares, xunto á deputada no Parlamento galego Paula Vázquez Verao e a eurodeputada Lidia Senra, reclamaron, asemade, unha solución para Ponte Ribeira, así como a posta en valor do conxunto do patrimonio ligado ás distintas rutas do Camiño de Santiago.
Tal e como destaca o voceiro da formación, Luís Villares, “a situación da depuradora desbloqueouse unha vez houbo un cambio de goberno propiciado por En Marea”. E é que a “Confederación podía ter actuado antes, e non o fixo unicamente por unha actuación sectaria do PP, que sempre prioriza a vontade de non beneficiar á cidadanía dos lugares nos que non goberna”.
Villares destacou “o desleixo ambiental da Xunta respecto á conservación das rías e ríos, da riqueza acuícula, pesqueira e marisqueira”, e lembrou que, a pesar das 15 iniciativas relacionadas coas concas hidrográficas galegas que En Marea ten levado ao Parlamento de Galicia, o goberno galego non amosou interese por darlles resposta na meirande parte dos casos.
Unha vez acadado o compromise da Confederación para solventar dunha vez as carencias da EDAR de Sarria, En Marea fai un chamamento para que o Concello da localidade actúe con responsabilidade e poña en marcha as actuacións o antes posible e sen agadar ao período preelectoral. “Non podemos permitir que os recursos que son de todas e todos sexan empregados unicamente con fins electoralistas”, indica Villares.
Pola súa banda, Lidia Senra denunciou tamén a necesidade de que o calidade das augas e dos cauces fluviais sexa abordada de xeito responsable polas administracións. “Parécenos moi grave que haxe un incumprimento das directivas europeas respecto á calidade das augas e á recollida e tratamento de augas residuais, e é fundamental visibilizalo”, afirmou a eurodeputada, que levará o caso de Sarria ao Parlamento Europeo.
Ponte Ribeira
No que afecta a Ponte Ribeira, En Marea solicita a reconsideración dos informes da Confederación Hidrográfica Miño Sil realizados pola Avogacía do Estado respecto a unha situación urbanística que xa non é a actual. A formación entende que os servizos xurídicos do estado deben revisar o tema e asumir responsabilidades. Ao igual que a Xunta, de que quen En Marea reclama tome cartas no asunto e actúe para “repoñer unha vía fundamental para Sarria dende o punto de vista urbanístico, pero tamén patrimonial; pois hai que lembrar que pola Ponte Ribeira transcorre o Camiño de Santiago”.
En relación con iso, Lidia Senra apunta que no Ano Europeo do Patrimonio Cultural resulta inadmisible a situación de desprotección de elementos patrimoniais coma este. “Hai que pasar das palabras aos feitos”, reclama a eurodeputada, que avoga por formar ás administracións locais, “que actualmente se atopan de costas á conservación e valorización do patrimonio cultural”. |