A vicepresidenta do Parlamento de Galicia e deputada de En Marea, Eva Solla, e a deputada Paula Vázquez Verao, visitaron esta mañá o Hospital de Monforte para coñecer de primeira man as instalacións do centro e recoller as reivindicacións do persoal para poder trasladar as súas peticións ao Parlamento de Galicia. Entre as necesidades máis urxentes do centro destaca a de que se incremente o persoal tanto nas zonas de hospitalización como nas consultas oncolóxicas.
Noutra banda, a Comisión de Seguridade Vial do Congreso aprobou onte á tarde a proposición non de lei de En Marea por 19 votos a favor e 14 abstencións para que o Ministerio de Fomento efectúe actuacións de reforma e rehabilitación na estrada nacional 540 este ano nos tramos situados entre Guntín e Ventas de Narón, e no tramo que vai entre Chantada e Taboada. A iniciativa de En Marea recibiu o voto favorábel de todos os grupos agás do PP, que se abstivo.