O deputado de En Marea no Congreso, Miguel Anxo Fernán Vello, dirixiu con carácter urxente unhas preguntas ao Ministerio de Fomento para preguntarlle sobre a súa posición en relación á oposición da Xunta á proposta de Convenio para a Estación Intermodal de Lugo.
“A pesar de estar en tempos de desconto da lexislatura, segue a funcionar un Goberno en funcións e dada a polémica suscitada cunha infraestrutura fundamental para Lugo, desde En Marea consideramos que debe informarse sobre o tema con luz e taquígrafos. Razón pola que demandamos a Ábalos copia da proposta enviada por Fomento á Xunta para a construción da Estación Intermodal e pedimos que se dialogue”, sinala o deputado.
“Explicoulle a Xunta cales son as súa razóns para rexeitar por completo a proposta remitida? Transmitiulle os motivos da súa oposición?”, pregunta a Ábalos.
Para o deputado de En Marea é “unha irresponsabilidade introducir as disputas eleitorais en todo e incluso xogar con dotacións de relevante importancia para Lugo. Non se están a priorizar os intereses de lugueses e luguesas, estáse a “traficar” coa Estación Intermodal en tempos de campaña eleitoral”.
En Marea conminou ás administracións competentes a “sentar, dialogar e acadar un acordo de Protocolo polo ben do futuro da cidade. É a mellor forma de demostrar que se está no lado das políticas construtivas”.