En Marea presentará no Congreso unha enmenda aos Orzamentos estatais por “marxinar” a Lugo

O deputado de En Marea por Lugo, Miguel Anxo Fernán Vello anunciou que En Marea, o Grupo Confederal, “presentaremos unha emenda á totalidade dos Orzamentos estatais por seren anti-sociais, por destinar a Galiza o orzamento máis baixo que se lembre, por continuar coa marxinación de Lugo e por presentar unhas partidas de vergoña para Galiza”.

Deixou claro que no proceso de tramitación das emendas parciais, En Marea presentará “un feixe de propostas” para tratar de mellorar as consignacións para o territorio galego e para Lugo. “E agardamos que sexan tidas en conta porque estarán pensadas polo ben do pais”.

Fernán Vello, criticou esta mañá con dureza as partidas que o estado destina ao territorio lugués no proxecto de Orzamentos Xerais do Estado 2017, enfatizando que “agudizan a discriminación histórica que padece Lugo, non sirven para correxir os défices en infraestruturas, non atende os intereses de lugueses e luguesas, que só reciben das arcas do estado a ridícula porcentaxe do 0,8% do total”.

Miguel Anxo Fernán Vello afirmou en declaracións efectuadas na sede de Lugonovo que “após de realizar unha análise pormenorizada das consignacións para Lugo, a conclusión é doada: son uns orzamentos insultantes, funestos e que continúan a aprofundar e mermar as posibilidades de desenvolvemento do territorio lugués xa que non serven para dinamizar a significativa actividade económica que se realiza no territorio”.

Neste sentido, detívose en primeiro termo no eido das infraestruturas, enfatizando a falla de investimentos para unha necesaria modernización ferroviaria. En relación ao capítulo das estradas, salientou que hai partidas para finalizar a A-54 que “acumula unha grande demora na súa execución”; en canto aos problemas da A-8, que “o problema de ter unha autovía nova inutilizada vai seguer este verán, e o seguinte e o seguinte. Esta é a particular forma do PP de cumprir cos seus compromisos”.

Ademáis enfatizou que non se ven “investimentos para mellorar as estradas de A Mariña que os cidadáns de Lugo termos que seguer a utilizar a pesar do seu mal estado, porque a A- 8 non cumpre co seu papel de alternativa. Nada para a N-634 que é a onde nos desvían cando pechan a A-8”.

En innovación e I+D+I “tampouco imos sobrados porque un Centro como o CETAL, o Centro Tecnolóxico de Lugo, recibe tan só 150.000 euros”. O deputado de En Marea aludiu con ironía a outra “das propagandas baldeiras do PP: a Comisaría de Lugo que aparece como concepto nas partidas do Ministerio de Interior baixo a denominación de Estudios previos para comisaría de Lugo, pero con 0 euros”.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com