O areal de Covas, logo dos últimos temporais, necesita dunha urxente actuación para devolverlle a esta incomparable praia viveirense toda a súa beleza, pero segundo Fernán Vello deputado de En Marea, o goberno non realiza estas obras tan necesarias.
O deputado declarou que, “o temporal de mar, con ondas de máis de 7 metros, tivo un grande impacto na Mariña en lugares como Covas, Barreiros, Burela, San Cibrao ou Foz, entre outros”. “Os estragos deixáronse sentir en paseos marítimos, praias e areais”, e destacou o caso da praia de Covas, “que leva tempo agardando por unha actuación de rexeneración que non chega a pesar dos múltiples anuncios do PP”.
O seu deterioro e mal estado, subliña Fernán Vello, “é obxecto dunha enorme inquedanza entre os veciños e veciñas. Co temporal, o seu estado agravouse. A maruxia desprazou a area até o paseo marítimo e invadiu rúas, empeorando a súa situación”.
O areal necesita que o Ministerio emprenda canto antes a actuación de trasvase de area, porque o verán esta a poucos meses do seu comezo.
Fernán Vello pregunta ao Goberno: se estableceu contactos coa Xunta sobre este problema, se prevé activar esta actuación nos vindeiros meses e se pode garantir que a recuperación da praia de Covas se producirá antes do inicio da tempada de verán.”
O deputado de En Marea afirma que “dada a traxectoria de anuncios que non cristalizan, sería pertinente que o Ministerio clarifique a situación, e dea unha data para amañala.