En Muras

Na homenaxe que Xermolos lle rendeu en Vilalba a Antía Cal, comenteille o máxico que para min era o lugar de Muras ao que estaba vencellada – casa dos seus avós maternos -, que hoxe proclama “Aquí criouse unha mociña que veu da Habana para coñecer a terra onde naceron os seus pais, os seus avós, e todas as súas xentes”. Era o “Mesón de Vázquez”, onde paraba o coche dos Veiga que desde Vilalba me levaba cara a Ambosores nos meus veráns infantís. O mundo habitado remataba alí, e alí comezaba o misterio.

A maxia que para min tivo aquel lugar, volve con especial simbolismo coa exposición de Antón Beiras ”A malla de Pascual, 1957”, montada nunha palleira fronte ao antigo Mesón, coa que a familia Beiras-Cal recupera un importante anaco da historia visual.

As fotos lembran tempos idos, persoas e labores que xa son historia, perfecta crónica redactada polo galeguista e oftalmólogo de referencia, que con Antía – mestra e pedagoga – formou un binomio querido e respectado por todos.

Hai que ir a Muras para ver a exposición, e vale a pena, especialmente para os que lembren os tempos da vella estrada que pasaba polo “cruce” e polo Mesón que desde tempo inmemorial era parada dos viaxeiros.

É unha sorpresa moi grata ir pola vella estrada e de súpeto atopar unha palleira restaurada, con vistosa rotulación exterior, e pisar as vellas taboas do interior mentras contemplamos imaxes irrepetibles que seguen vivas no máis profundo de nós, e nos dan a mellor imaxe do que se pode facer para que a memoria – dos feitos e das persoas – siga viva, e o rural non morra de todo. En Muras: Sinal de Vida.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com