Cumpríu vinte anos “El sexto sentido” coa terrorífica frase do neno que “en ocasións vía mortos”. Eu, salvando distancias, “en ocasións, vexo bicis”.
Hai moitos anos, Manolo Granxeiro andaba por Lugo en moto para alixeirar o tráfico. Tempo despois, a tamén concelleira Zita Méndez andaba en bicicleta promocionando o seu uso. Apóstol do ciclismo cidadán foi Paco Pestana, parecendo pola súa constancia que había moitos Pestana patrullando a cidade. E ás veces vense bicicletas pola rúa, a beirarrúa, ou polo medio da xente, xogando a esquivar.
Na actual xeografía urbana os carrís bici ocupan espazos antes reservados aos contaminantes vehículos, rendibles fiscalmente pero condenados polos progresistas, aos que non lles quito a razón, pero é difícil prescindir do coche nunha cidade na que xa hai distancias, ás veces chove, e levamos paquetes, ou nenos a actividades diversas.
Acotar espazos para ciclistas fai que utilicemos menos os coches, e eso hai que agradecer aos planificadores da vida urbana, co temor de que se anticipen demasiado, imaxinando bicis onde hai coches e peóns. Só coidando que, para que aparezan ciclistas, primeiro hai que facerlles pistas exclusivas, poido comprender a nova Ronda dos Deportes pola que nunca vin un ciclista.
Na rúa Río Navia temos vía “só bicis” que ninguén estreou, pero hai días vin a primeira ciclista pedaleando non pola súa vía senón pola que se supón é a miña. A rapaza esquivaba peóns pola beirarrúa, aos que facía dubidar da súa presencia real. O mesmo ca o neno da película vía mortos, nós, en ocasións, chegaremos a ver ciclistas, circulando polo carril bici.