A Asociación Si, hai saída, no seu 9º aniversario, agradece os apoios recibidos nestes anos e manifesta a súa preocupación ante o evidente e alarmante aumento da violencia de xénero, a cada vez maior desprotección das vítimas, así como da utilización que se está a facer desta gravísima lacra.
Nove anos xa desde aquela tarde do 2014 na que comezamos unha andaina que xa intuíamos difícil, dura, pero tamén cargada de ilusións, e, por riba de todo, de fe, de moita fe, na loita que íamos emprender.
Moi poucos apostaron entón por nos, e, en certo modo, entendíamos que así fora.
Eramos uns completos descoñecidos que non tiñamos mais mérito, se se lle pode chamar así, que os nosos desexos de poñer o noso grao de area, por pequeno que fora, na loita contra a violencia machista, tentando axudar, dun xeito totalmente altruísta, sen remuneración ningunha, a canta muller vítima de violencia de xénero se achegara a nos, asesorándoas, escoitándoas, e, por riba de todo, acompañándoas nese proceso tan duro de tentar rachar cos seus verdugos, e tamén, por suposto, colaborando en canto estivera nas nosas mans con outros colectivos que se dedicaban ao mesmo e que, teoricamente, compartían os nosos obxectivos.
Por desgraza, pronto descubrimos, con abraio primeiro, e con moita mágoa despois, que para nada era así, e que o noso xeito de traballar, totalmente desinteresado e que se axustaba literalmente a ese “sen ánimo de lucro” , non soamente non sempre era entendido, e menos aínda compartido, se non que era motivo de rexeitamento e de que se nos mirara con desconfianza e nos choveran as críticas dun círculo que, aínda sen coñecernos, se estreitaba mais cada día, ata pecharse por completo e asegurarse de deixarnos fora, malia que sempre manifestamos claramente, como aínda seguimos a facelo, a nosa disposición a brindar o noso apoio en canto puidera servir de axuda, algo que lamentamos, xa que entendemos que as maiores beneficiadas desa unión de esforzos serían as propias vítimas, pero que, por suposto, respectamos.
Tampouco o feito de non definirnos politicamente, a nosa independencia, deixou de pasarnos factura, por mais que, en todo momento, manifestamos a nosa disposición a axudar, a aportar a nosa experiencia, independentemente de cores políticos, entendendo que podería servir de axuda a hora de tentar mellorar a atención as vítimas da violencia machista dado o noso traballo de campo cotián con elas, o que fai que coñezamos de primeira man a súa dura realidade, as súas necesidades, os seus medos, pero, lamentablemente, unha vez comprobaban que a nosa intención de non involucrarnos políticamente era real e firme, tras un aparente achegamento inicial, eramos, dun xeito mais ou menos sutil, empurrados a cuneta.
Tiñamos, a cambio, o apoio, imprescindible, de eidos tan importantes nesta loita como o policial, o xudicial, e o legal, que contribuíron a que puidéramos levar a cabo unha labor difícil, si, pero enormemente gratificante.
Foron moitas as vivencias e o aprendizaxe vividos nestes anos.
Vimos, ao noso carón, a moitas mulleres as que, cos apoios nomeados, puidemos axudar a saír do inferno.
Tivemos a enorme satisfacción de ver como a gran maioría delas emprenderon unha vida nova, sen medo, e coa dignidade a que teñen todo o dereito.
Vimos medrar a nenas e nenos aos que coñecimos, nalgún caso, sendo bebés, e que moitos deles, hoxe case preadolescentes, aínda se lembran de nos, e aos que que nos, pola nosa banda, levaremos no corazón xa para sempre.
Outros, un chisco mais grandes, seguiron, como é lóxico, diferentes camiños, pero sen esquecernos, nin nos, por suposto, os esquecemos , e, de cando en vez, temos noticias que nos emocionan tanto como, por poñer un exemplo, a que nos chegou hai tan so uns días de que unha rapaza, despois de achegarse da man da súa nai a Si, hai saída nos nosos primeiros anos, e lembrando a sua experiencia, optou por encamiñar os seus estudos ao Dereito, coa intención de centrarse, principalmente, en violencia de xénero…Que maior premio pode haber?.
Non todos foron éxitos, por suposto, e, así mesmo, vimos con gran tristura como algunhas mulleres volveron cos seus agresores, nalgún caso por falta de recursos para continuar o seu camiño lonxe deles, noutros por un mal entendido amor que non é se non unha malsana dependencia emocional, ou, sinxelamente, polos atrancos burocráticos, administrativos, etc, etc, que lles fai case imposible solventar, aínda con axuda, a sua situación.
Tamén cometemos erros, evidentemente. Somos humanos, e, como tales , fallamos moitas veces, pero tentamos corrixilos, aprender, pedir perdón se é preciso, e continuar adiante.
De todo houbo, pois, como se pode ver, nestes 9 anos.
Risas, bágoas, días moi felices, como foi aquel de hai xa case cinco anos no que recollemos o premio Meninas, malia que o noso maior premio, como xa dixen, foi, é, e seguirá sendo, poder axudar a devolver algún sorriso.
Épocas moi difíciles, como foi a pandemia, que fomos tentando sobrelevar como boamente puidemos, pero que vivimos, sobre todo, cunha enorme impotencia e moito medo sabendo que algunhas das nosas amigas estaban confinadas cos seus agresores, sen poder comunicarnos con elas, xa que unha sinxela chamada, unha mensaxe, podería ser a súa sentencia de morte no caso de ser vistas polos seus maltratadores.
Por todo isto, desde Si, hai saída, desexamos, neste noveno aniversario, manifestar o noso emocionado e sincero agradecemento a cantos, malia todo, continúan brindándonos o seu apoio, e tentando sortear as pedras que nos van deixando no camiño aqueles que, aínda sen coñecernos,decidiron retirarnos o que nos prestaban os seus antecesores.
Non cremos merecelo, pero, por suposto, como non podería ser menos, o respectamos, e sempre sen caer na descualificación e moito menos nas inxurias.
Mandar obxectivamente non é doado, e non todo o mundo con poder é sempre quen de exercelo de xeito coherente e xusto.
Non imos aos primeiros, a nomealos un por un, porque, sen dúbida esqueceríamos algún e non sería xusto, pero a todos e a todas vos, desde, como xa dixemos, o eido xudicial, o legal, do ensino, medios de comunicación, etc, etc, e, por riba de todo, a vos, mulleres, que vos achegades a nos, brindándonos a vosa confianza, poñendo, moitas veces, as vosas vidas nas nosas mans, grazas de todo corazón.
Non imos prometervos milagres, nin solucións máxicas, pero si seguir loitando con todas as nosas forzas, con renovada fe cada día, pese a quen pese, tentando corrixir os nosos erros, e, por suposto, fieis a que foi, desde o primeiro día no que botamos a andar, a nosa premisa:
Nunca, e repito, nunca, faremos, da dor, negocio.
Asociación Si, hai saída