O Grupo Municipal do Partido Popular propón unha reestruturación global da policía local. O concelleiro popular Enrique Rozas, explicou que esta reorganización pivota en tres eixos. “Hai que reforzar as patrullas de proximidade con efectivos das vacantes dispoñibles; descentralizar o servizo creando unha nova delegación na zona norte da cidade e habilitando, en dependencias municipais do centro unha unidade administrativa e, por último, é necesario profundar na especialización dos nosos axentes”.
Os populares expoñen estes cambios na organización da policía local porque consideran que “hai que impulsar un novo modelo que estea máis preto dos cidadáns tanto para realizar trámites administrativos, como fisicamente, nos distintos barrios, prestando atención cidadá ou intermediando en resolución de conflitos de convivencia”. O concelleiro popular explicou que coa creación destas novas delegacións gañaríase en operatividade e facilitaríase a atención aos veciños evitando os desprazamentos á nova sede de Sanfiz.
O segundo eixo no que pivota a reestruturación da policía local vai encamiñado a intensificar os servizos de patrullas en rúa para que a presenza de axentes, “tanto a pe como utilizando os distintos medios de transporte dos que dispoñen (motocicletas, vehículos) sexa algo habitual nos distintos barrios da cidade”.
O concelleiro popular Enrique Rozas explicou que “as futuras unidades de patrulla na rúa, poderían nutrirse cos 13 axentes que se poderían incorporar ao reconverter as 8 prazas da subescala facultativa, a lestes efectivos que habería que sumar os axentes que ocupen as vacantes de policías existentes”.
A creación de unidades especializadas é o terceiro eixo da reforma da policía local que expón o Partido Popular. Os populares consideran que este colectivo debe recibir unha formación continua e, nesa liña, reclaman “a creación dun gabinete de formación e reciclaxe interna permanente que facilite accións formativas para os axentes”. O concelleiro popular Enrique Rozas matiza que “non se pode esquecer esta faceta cando falamos do persoal dun servizo que debe especializarse en materias moi específicas e sensibles como son a violencia de xénero, delitos informáticos, a mediación en conflitos e labores da policía”.
Por último, Enrique Rozas instou á alcaldesa a que agora que xa é membro da FEMP axilice a firma do convenio que permitiría á policía local realizar funcións de policía xudicial lembrando que “este acordo co Ministerio do Interior está pendente de firma desde o ano 2007 co agravante de que o anterior alcalde formou parte Comisión de Seguridade da Federación Española de Municipios e Provincias”.
Doutra banda, e respondendo ás preguntas dos xornalistas sobre a decisión do seu partido dende Lugo e Santiago (Deputación de Lugo e Xunta de Galicia) para propoñelo como xerente do Consorcio de Bombeiros, explicou que “foi unha grata sorpresa para min, unha gran satisfacción que o partido se acordase de min. O que ocurre agora é que co anuncio da moción de censura na Deputación de Lugo, levada a cabo polo BNG e os socialistas, o goberno provincial cambiará probablemente de signo político, polo que parece complicado chegar a un acordo con eles. Haberá que volver a facer unha reunión do Consorcio e terá que constituírse de novo, así que non sei que pode pasar, pero vexo complicado”.
“Eu quédome con que o meu partido pensou en mi para ocupar este posto, e eso para min despois de todo o que tiven que pasar é un impulso moi importante”, concluíu Rozas.