Entrega dos galardóns ás mellores explotacións leiteiras de Galicia

A  Gandaría Zorro, de Lugo acadou o primeiro premio na categoría de mellores produtoras primeirizas 2023; e na de vacas de máis de dous
partos que maior cantidade de leite produciron en 2023,  foi vencedora a de gandaría Xusto, tamén de Lugo. Esta última vaca produciu máis de 24.000 kg de leite o ano pasado, récord galego absoluto de produción de leite.

No referente ás explotacións, ofrecéronse recoñecementos: ás que obtiveron as maiores producións media por vaca, as mellores cualificacións morfolóxicas e Índices Xenéticos (ICO) máis altos. As distincións principais recaeron, respectivamente, en Gandaría Rodasinde, do Saviñao, Baixo Holstein, en Sarria, e a gandaría Abonxo, localizada en Lalín.

Os resultados favorables do sector son debidos, entre outras cuestións, á mellora xenética que se acada cos datos de control de rendemento leiteiro para o que a Consellería do Medio Rural destinou este ano un orzamento de 750.000 euros. Este beneficia a tres entidades oficialmente recoñecidas pola comunidade autónoma galega para o control do rendemento leiteiro, en concreto as asociacións provinciais Africores da Coruña, Lugo e Pontevedra. Na resolución das axudas, que se publicou no Diario Oficial de Galicia a finais do pasado mes de maio, á Africor Lugo correspondondeu un total de 355.575 euros; á asociación da Coruña, 329.100 euros e á de Pontevedra 65.325 euros.

Nesta liña, as actuacións subvencionables son aquelas destinadas a comprobar sistematicamente as producións e outras aptitudes funcionais das femias reprodutoras leiteiras, para a determinación do valor xenético e os méritos ou outras capacidades dos animais, no marco dun programa de cría aprobado oficialmente para a raza.

Estas axudas veñen dar continuidade aos convenios de colaboración levados a cabo entre o Goberno galego e as asociacións de control leiteiro dende o 2010, polo que dende entón lévanse dotado case 11,4 millóns de euros para a realización de probas para determinar o rendemento leiteiro do gando vacún dentro do Programa Galego de selección e mellora da raza Frisona.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com