A Deputada de Cultura, Deseño e Artesanía, Pilar García Porto, entregou este sábado no Salón de Plenos do organismo provincial os galardóns ás gañadoras da sexta edición dos Premios MAV 2015 Mulleres nas Artes Visuais. Os Premios MAV son un proxecto anual da Asociación de Mulleres nas Artes Visuais, para o recoñecemento das traxectorias de mulleres esenciais para o sistema do arte do estado. Asemade pola tarde celebrase a Asemblea anual da Asociación, aproveitando o desprazamento de numerosas socias de MAV procedentes de diferentes partes de España.
García Porto subliñou que “a través dos Premios MAV, reivindicamos a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, ao tempo que damos ee premiamos a labor de todas estas profesionais do mundo do arte”.
Este ano, o premio consistiu nunha fotografía orixinal de Cristina Lucas, premiada na categoría de artista na edición anterior dos premios. O obxectivo destas distincións é compensar, dunha maneira simbólica, o enorme desequilibrio e a falta de visibilidade que sofren as mulleres cara ao seu traballo no contexto das artes visuais en España, e por extensión no mundo da arte internacional.
Gañadoras dos Premios MAV 2015
O xurado dos Premios da Asociación de mulleres nas Artes Visuais reuniuse o pasado 28 de novembro e decidiron que as gañadoras deste ano, como recoñecemento a súa labor para a mellora da posición das mulleres na arte contemporánea e á súa traxectoria no ámbito da cultura, foran:
Premio Artista/Creadora: Nesta categoría a gañadora foi Mariña Núñez, partícipe dunha xeración de novos artistas, que nos 90 iniciou un traballo destacado en xénero. Valorouse a súa aposta por un feminismo íntimo, e o seu traballo desde o ciberfeminismo, que cuestiona a apropiación do territorio tecnolóxico por parte dos homes. Tamén se recoñeceu a súa labor docente e a súa difusión da teoría da arte feminista, a través de artigos, conferencias e cursos, así como a súa achega á posta en marcha da Asociación MAV.
Premio Galerista: outorgouse o premio a Asunta Rodríguez membro da Academia Galega de Belas Artes e propietaria da Galería Trinta de Santiago de Compostela. Valorouse a súa extensa traxectoria como galerista e o seu apoio ás mulleres creadoras, desde unha posición periférica afastada dos centros de poder; e aínda que non deliberadamente feminista, entendeuse que tamén hai outras formas de traballar a cuestión de xénero. Tamén se destacou a súa aposta indiscutible pola calidade na selección de proxectos, que fixo da súa Galería un espazo referente na arte Contemporánea.
Premio Xestora: a gañadora nesta categoría foi Susana Blas, comisaria e historiadora de arte contemporáneo, pola súa longa traxectoria profesional como comisaria de proxectos artísticos, nacionais e internacionais, nos que a perspectiva de xénero adoita estar presente. Tamén se valorou o seu uso de novas vías de investigación e o seu importante labor na comunicación e a difusión da arte actual español, con especial relevancia á arte feita por mulleres.
Premio Teórica / Crítica: a gañadora foi a Dra. en Historia da arte, Piedade Solans, polo seu magnífico e exhaustivo traballo na cuestión de xénero. Valoráronse especialmente os seus proxectos Prácticas artísticas contra a agresión ás mulleres, así como Mulleres no Islam.
Na categoría de menor de 35 anos, que é a primeira vez que se outorga, seleccionouse unha iniciativa posta en marcha no Museo de Arte Africana da UVA, Occupy Gender. Foro de iniciativas feministas por Marta Álvarez Guillén e Oliva Cachafeiro, coordinadoras do proxecto. Valorouse especialmente deste proxecto a súa construción para partir do tecido cultural existente e a súa filosofía, que fai do feminino un espazo de encontro.
Asociación de Mulleres nas Artes Visuais
MAV é unha asociación que se constituíu no 2009 e que conta con máis de 400 profesionais do sector das artes visuais en España: artistas, críticas, xestoras, comisarias, galeristas, coleccionistas, deseñadoras, docentes, directoras de institucións públicas, editoras, investigadoras, xornalistas especializadas, arquitectas, avogadas, etc.
A asociación desenvolve iniciativas propias para a visibilización da muller como a revista M-arte y cultura visual, especializada na crítica de arte dende a perspectiva de xénero; o Festival Miradas de Mulleres que dende 2012 impulsa exposicións e actividades diversas; o Foro MAV que acolle cada dous ano debates e encontros de reflexión; os Premios MAV; talleres de Educación Artística para a Igualdade MAVeducaLAB; e a edición de informes e publicacións.